Páginas

lunes, 4 de junio de 2012

En tempos de crise

A revista Time inclue a Cidade da Cultura entre os monumentos levantados en España nos anos 90 e primeira década deste século como exemplo de "castelos no aire" no país do Quixote. O único no que é comparable a nosa Cidade co resto de torres levantadas ten que ver coa falta de previsión económica ou coas ganas de medrar tanto coma calquera outra autonomía sen reparar en gastos. Os erros de cálculo foron comúns en tódalas admistracións do Estado, independentemente de quen as gobernara. Parecía que había cartos á esgalla. En tempos de crise, o desafío que ten Galicia e máis o Concello é facer do proxecto de Peter Eisenman unha área pola que Santiago de Compostela medre marcando un novo urbanismo desde a modernidade, que dialoga ou pelexa coa vella cidade medieval que ten en fronte. Esa era unha das mensaxes que lle oín dicir ó arquitecto cando gañou o concurso público para construir no monte Gaiás. Unha opción razonable a seguir agora sería pensar que por 30 anos xa temos todo construído, que o que se pensaba edificar nas próximas décadas xa está feito. Non debe haber escusa para que institución pública ningunha pague aluguer no vello Santiago. Fálase de encher os edificios e de darlles senso por parecer que non o teñen. Pois tanto ten o que alberguen, o importante é o relato sobre o proxecto en sí. A controversia creada xa debe formar parte do programa e debe perdurar como tema recurrente pois a meirande parte dos visitantes non poderán aprender até fartarse de cultura de Galicia nas visitas turísticas de raio láser que van ter. O que lles vai quedar de recordo será a situación xeográfica e a estética que representa O Gaiás, contraposto a todo o demais. (Tamén se pode ler no Santiagosiete do 31 de maio, número 238).-