A petición do aborto libre converteuse na segunda gran reivindicación das mulleres en todo o mundo. A primeira foi a do dereito de sufraxio. E recordemos que levou tempo aceptalo. Mesmo en Suiza, un país europeo, votan as mulleres desde os anos 70 do pasado século. O feminismo da igualdade entrou co sufraxio na política.
Para o aborto en España tiñamos unha lei de prazos limitada a tres supostos. O Goberno socialista de Rodríguez Zapatero ampliou as condicións, facendo da interrupción voluntaria do embarazo un feito legal e dando prioridade ós intereses das nais. Concedeuse ás mulleres o dereito a decidir sobre os seus corpos e sobre as súas vidas.
Se no dereito de sufraxio se reivindicaba a igualdade de xénero, na loita polo aborto libre, a muller quere decidir por ela mesma algo que é inherente ó seu ser. E quere decidir sen ter que pedir permiso. Pero esta idea supón unha subversión para o patriarcado, por iso é tan contestado o feminismo da diferenza. O dominio patriarcal quere abarcar neste caso ó feito diferencial biolóxico que teñen as mulleres. Ese feito diferencial non é algo que rexeiten elas cando piden aborto libre, o que queren é poder decidir cándo e cómo quedaren embarazadas. O embarazo ten que ser desexado.
Máis de 60 organizacións de Galicia apoian a manifestación que vai ter lugar en Santiago o próximo día 16 de xuño pedindo ó Goberno que pare a reforma da lei de Alberto Ruiz Gallardón. A Plataforma Galega polo Dereito ó Aborto di nas súas proclamas:"Se a maternidade non é libre, é imposta", e incluso recorda: "Os feminismos somos provida". Hai que telo presente porque o rexeitamento á teoría feminista oculta inxustamente o movemento polos dereitos das mulleres, que é pacífico, revolucionario e silencioso.
Tamén en http://issuu.com/santiagosiete/docs/santiagosiete261
Santiagosiete, nº. 261, página 4.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Puede dejar su comentario.