Páginas

miércoles, 24 de julio de 2013

Santiago, de festas

As festas do Apóstolo este ano sálvanse polo humor que puxo no pregón Roberto Vilar. Por el non pensamos na crise durante unha semana. A súa intervención no balcón do Concello ata nos levou a pensar que a crise institucional é cousa do pasado e que agora o que importa é pasalo ben co programa musical e sobre todo cos fogos da véspera e o día de remate. Nunca tan necesarios foron como agora eses foguetes que son en si mesmos unha perda de cartos, pero que nos fan pensar que a situación non é tan abafante como a pintan se escoitamos estourar a pólvora. Con todo, a novidade máis importante deste ano son os voluntarios que ofrecen axuda á turistas pola cidade. Foi esta unha gran idea que puxo en marcha o Concello coa Asociación de Hostalaría de Santiago. En momentos difíciles, ideas creativas, que non custan nada e aportan beneficios a longo prazo. En primeiro lugar para ós rapaces e rapazas que toman parte nesta experiencia. Unha iniciativa que debería ter continuidade porque o labor que se desenvolve non pode interpretarse en clave de marcha atrás, senón que o voluntariado debe significar unha aposta de futuro pola axuda ós demais nas festas do Apóstolo. As rúas da capital de Galicia non son estes días dos santiagueses, pertencen a esas recuas de xente que a invade. As festas tampouco son locais, van máis alá do perímetro municipal porque as de Compostela propiamente ditas son as da Ascensión, asociadas ó espertar da cidade coa primavera. As do Apóstolo desbordan cada mes de xullo tódalas previsións e os peregrinos fanse coa zona histórica ás xeiras, segundo van chegando. Non temos aínda terraza na Alameda, pero si a maqueta. O ano que vén vémonos alí. Santiagosiete, nº. 264, 24 de xullo de 2013, páxina 4

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Puede dejar su comentario.