Foi un éxito
rotundo a folga feminista de onte en todo o mundo, pero especialmente en España
e en Galicia.
Por que agora se
uniu o feminismo arredor da causa no mesmo día 8 de marzo? Polo movemento
"a min tamén me pasou" (me too) e "acabouse o tempo" (time is
up) de Estados Unidos e en concreto de Hollywood. Este movemento fixo visible
algo que estaba oculto e que moitas mulleres comparten aínda que non o digan
porque non poden dicilo. Así o indican as estatísticas. Na vida privada e na
pública sofren acoso, violacións, maltrato, humillacións e morren por seren
mulleres. Cousas que non lles pasan ós homes.
As razóns da
folga en todo o mundo foron a brecha salarial,
acoso sexual, precariedade laboral, reparto nos coidados dos membros da
familia, igualdade real, en definitiva.
Quedou claro que
o feminismo propugna a paz social, o equilibrio entre homes e mulleres e a
igualdade real. Porque as manifestacións foron pacíficas, en orde, sen destruír
nada e sen acusar a ninguén máis que o patriarcado das desigualdades e
inxustizas que sofren as mulleres.
Moitos homes
había na marcha de Santiago que rematou na praza do Obradoiro. Mozos e homes de
idade. É de supoñer que son xente concienciada na causa das mulleres. Coma elas,
marcharon en silencio, gardando as formas, acompañándoas nas súas
reivindicacións. Son homes admirables, sen dúbida.
O feminismo
galego, a través da Plataforma Feminista Galega fixo o seu lema: "Aquí
está, aquí se ve, o feminismo galego está en pé", e así se coreo nas
distintas marchas. Ás manifestacións e concentracións convocadas acudiu xente
que nunca antes se sumara. Algo está pasando, logo.
Desde fóra a
prensa e os medios audiovisuais en xeral
destacaron a folga feminista de España.
Desde o mundo académico fálase do "feminismo institucional español".
Algo pasa en España que é observado desde outros países e continentes. Porque
aquí houbo un caso Ana Orantes, que morreu queimada logo de acudir a un
programa de televisión onde dixo que viña sufrindo maltrato no seu matrimonio
toda a vida. As chamas do lume que a queimaron prenderon nos medios de
comunicación aquel 17 de decembro de 1997 en Granada e manteñen en alerta o
mundo do xornalismo. Por iso foron á
folga as presentadoras de programas de televisión das mañás. Por iso, como
nunca antes, o feminismo penetrou nos medios de comunicación, que, esta vez si,
lideraron a convocatoria do movemento feminista.
Os
correspondentes de TVE dixeron onte que en Inglaterra falecen cada semana tres
mulleres por violencia de xénero e en Italia dúas a semana, pero estas noticias
non son cualificadas como tales, non se dan segregadas por xénero. Desde Alemaña destacouse que a brecha salarial
é das máis altas da Unión Europea. Por diante so están dúas repúblicas da
desaparecida Unión Soviética.
Como sempre,
cando falamos do feminismo internacional, temos que botar unha mirada cara ós
países árabes, onde se observan movementos tímidos do feminismo para acabar cos
casamentos de honor, que se resolven co casamento dos violadores coas mulleres
violadas. Hai que preguntar como acabar cos matrimonios infantís, e como concienciar
ós países que practican a mutilación xenital feminina. Queda moito por facer.
(C) Áurea
Sánchez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Puede dejar su comentario.